Ola! Utilizamos cookies propias e de terceiros para analizar o uso desta web e mellorar a túa experiencia de navegación. Ao continuar navegando entendemos que aceptas a nosa política de cookies.

   Saber máis - Aceptar.
O papel dos programadores é contradecir os algoritmos e sacar ao público da súa zona de confort para provocar experiencias culturais de valor

"O papel dos programadores é contradecir os algoritmos e sacar ao público da súa zona de confort para provocar experiencias culturais de valor"


Venres, 10 de setembro do 2021

A Asociación de Profesionais da Xestión Cultural, organizou na antigo convento de Santo Domingo, en Tui, o segundo encontro do ciclo de xornadas de Boas Novas No Camiño que neste mes do setembro abordarán as boas prácticas culturais en catro territorios atravesados por rutas xacobeas. Este venres a iniciativa reuniu a voces expertas do eido da cultura galega e portuguesa baixo título Sinerxías entre o patrimonio cultural e ambiental. A sesión celebrouse en formato híbrido, presencial e tamén en streaming a través da canle de Youtube da AGPXC. A iniciativa está organizada pola Asociación de Profesionais da Xestión Cultural co apoio do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia.

Na sesión de Tui, ao paso do Camiño Portugués, participaron tres iniciativas; dúas galegas e unha portuguesa, que puxeron en común distintos aspectos arredor das boas prácticas á hora de programar eventos culturais en espazos patrimoniais. A sustentabilidade desde un prisma que abarca o social, o ambiental, e o respecto ao patrimonio histórico-artístico, foron os aspectos chave que se abordaron. Así, Música no Claustro de Tui, O Festival SinSal de Vigo, e o 23 Milhas do minicipio do Ílhavo, en Portugal, estableceron un diálogo sobre a boa xestión dos proxectos culturais dende o punto de vista do medioambiente e a posta en valor do patrimonio, o territorio e a comunidade que o habita.

O inicio da xornada estableceuno a moderadora Belén Bermejo, directora artística de Espazo Sonoros, describindo a sesión como “a combinación de música con espazos patrimoniais a través dunha ollada crítica sobre o que pode ser un activo e un atractivo para as programacións pero que pode ter riscos non desexables desde o punto de vista da sustentabilidade”. Ao fío, a vicepresidenta de AGPXC, Clara Rodríguez definiu a sesión como unha conversa sobre “actuacións ou estratexias que dan respostas satisfactorias a problemáticas concretas e que poden ser exemplos inspiradores para traballar mellor na xestión cultural, seguir potenciando o que facemos da mellor maneira posible”.

Desta forma, comezou o diálogo o director artístico do Festival Música no Claustro, Samuel Diz quen abriu o debate de “se o colectivo de xestores está preparado para realizar proxectos en espazos patrimoniais”, como o caso da Catedral de Tui, xa que estes esixen un coñecemento e unha reflexión “moi particular”. Engadiu que a programación de cada evento debe ser coherente con ese lugar á vez que afirmou que “creo que é a nosa obriga seguir aportando, seguir constuíndo e achegando valor a eses espazos”. O espazo e a creación sustentable, vincularon a todas as iniciativas participantes.

Outro dos proxectos galegos seleccionados, o festival SinSal, representado polo seu codirector, Julio Gómez, amosou a xestión dun evento desenvolvido na illa de San Simón, un espazo singular que supón un reto á hora da xestión medioambiental e patrimonial. Gómez destacou que “é importante seguir xerando patrimonio, seguir xerando memoria a través das experiencias culturais que propoñemos, porque nos permite non esquecer o pasado ao tempo que se amplía e se enriquece”; e reivindicou que a “a cultura nunca pode perder ese horizonte da experimentación, da investigación , dos proxectos permanentemente en fase beta”.

Cada un dos participantes abordou un plantexamento cultural semellante: a necesidade de seguir creando eventos que teñan en conta á comunidade. Nesta liña, Luís Ferreira, director artístico do festival portugués 23 Milhas, celebrado no município do Ílhavo, describiu o evento que dirixe como “un proxecto periférico, dun municipio pequeno, onde traballamos coa idea da descentralización, fomentamos o espíritu crítico, e instigamos ao público a non ser espectadores conformistas, a ser máis participativos e involucrarse na práctica cultural, porque a cultura non é só dos artistas, é de toda a xente”. Ferreira tamén sinalou que “como programadores debemos traballar sempre na tensión; a tensión entre o centro e a periferia, entre o ámbito público e o privado, entre o cívico e o institucional… Non fuxir da tensión é unha boa práctica necesaria para conseguir realizar proxectos que transformen”. Por último, o director de 23 Milhas afirmou que o papel dos programadores é “contradecir aos algoritmos e facer propostas inesperadas para o público, sacalo da súa zona de confort para provocar experiencias de valor”.

Nesta xornada, a divulgación do patrimonio ambiental non se entendeu sen o patrimonio social ao que contribúe e desenvolve. Así, creación sustentable da cultura abárcase como un todo no que toma parte cada elemento e individuo que conforman o territorio. O coñecemento do pasado para enriquecelo e a recuperación da memoria para mellorar na xestión cultural son as boas prácticas na creación e mantemento de calquera iniciativa artística.

A seguinte xornada do ciclo celebrarase o próximo venres 17 en Rivadabia, e acollerá un seminario sobre "As cidades como escenario a través das artes escénicas” na Casa da Cultura de Ribadavia. Participará en representación desta localidade ourensá a Mostra Internacional de Teatro (MIT), que intercambiará visións co Centro de Artes Escénicas e da Música de Extremadura (CEMART) e intervirá como proxecto estatal seleccionado. Ademais, desde a AGPXC asistirá a presidenta da asociación, co fin de poñer en común con todas as entidades participantes os fundamentos do Banco de Boas Prácticas da Xestión Cultural, entorno ao patrimonio inmaterial das artes escénicas.

O día 24 pecharase en Betanzos cun programa que xirará arredor da relación entre a Cultura e a Gastromía.

Cada unha das datas presentan un formato híbrido, presencial e online. Todas as persoas que desexen participar deberán inscribirse no enderezo electrónico info@xestoresculturais.gal para asistir presencialmente ou acceder ao streaming que se compartirá a través da Canle de Youtube de AGPXC.

Contidos relacionados
Por algún motivo no se a completado la carga del carrusel, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar